Eurorede do deporte

Zona privada

Insira un nome e un contrasinal:

Manifesto para un deporte sen fronteiras

A Carta Europea do Deporte do Consello de Europa define o deporte como «todo tipo de actividades físicas que, mediante unha participación organizada ou doutro tipo, teñan por finalidade a expresión ou a mellora da condición física e psíquica, o desenvolvemento das relacións sociais ou o logro de resultados en competicións de todos os niveis».

O tratado de Maastrich introduce por primeira vez o deporte na súa declaración ao destacar a «importancia social do deporte á hora de forxar unha identidade e reunir os pobos», e insta a «os órganos da Unión Europea a escoitar ás asociacións deportivas en cuestións que afecten ao deporte» e convida ás institucións a «brindar atención especial ás características do deporte de afeccionados».

Por outra banda, o Consello Europeo de Helsinqui de decembro de 1999 acolleu favorablemente o informe elaborado pola Comisión Europea sobre o Modelo Europeo do Deporte no que, entre outras cosas, se recoñece que o deporte cumpre cinco funcións:

  • 1. Función educativa
  • 2. Función de saúde pública
  • 3. Función social
  • 4. Función cultural
  • 5. Función lúdica

O deporte é un dos ámbitos de actividade que máis afectan e acercan ás e aos cidadáns da Unión Europea, con independencia da súa idade e da súa orixe social. Máis da metade das e dos cidadáns practican regularmente unha actividade deportiva nalgún dos 700.000 clubs que existen na Unión ou fóra deles. Cerca de 2 millóns de educadores, monitores e voluntarios dedican o seu tempo de traballo ou de lecer á animación da vida deportiva, desempeñando un papel fundamental de educación e de inserción social nun momento no que as sociedades padecen importantes problemas de cohesión social e de identidade cultural.

Ademais, o Consello Europeo de Niza de decembro do 2000 aprobou un anexo IV específico sobre o deporte no que se insta ás institucións a recoñecer as características específicas do deporte e a ter en conta a súa función social á hora de aplicar as políticas comúns.

Neste contexto, as rexións transfronteirizas da Unión Europea son conscientes de que a igualdade entre todas e cada unha das rexións debe ser unha meta común da sociedade europea e que a través do deporte é como se fomenta o contacto directo entre as persoas en igualdade de condicións e obxectivos comúns. É por iso que impulsamos verdadeiras euroredes deportivas co obxecto de superar as barreiras administrativas, físicas e, sobre todo mentais, derivadas das antigas fronteiras.

Sendo conscientes da importancia que ten a creación dun adecuado estado de opinión verbo disto, as institucións e persoas integrantes da Eurorede do Deporte,

MANIFESTAMOS

  • 01. Que se debe recoñecer a importancia do Deporte para unha boa cooperación entre as rexións fronteirizas.
  • 02. Que a través do Deporte se consegue un mellor e máis fácil coñecemento entre as rexións fronteirizas.
  • 03. Que o Deporte constitúe un medio ideal de relación entre as institucións, facilitando acordos entre as rexións.
  • 04. Que o Deporte ten a capacidade de mellorar as relacións entre as persoas e que pode contribuír ao desenvolvemento socioeconómico das rexións nunha Europa sen fronteiras.
  • 05. Que a cooperación interfronteiriza no Deporte ten plena capacidade para axudar ao nacemento do novo cidadán europeo e de novas relacións entre os pobos.
  • 06. Que os sistemas deportivos das nosas rexións transfronteirizas teñen cada vez máis semellanzas, fóra das peculiaridades culturais e os costumes sociais de cada unha das partes das eurorrexións.
  • 07. Que as actividades deportivas transfronteirizas teñen capacidade para promover a igualdade entre os pobos e a mellora das súas relacións cotiás.
  • 08. Que recoñecemos que o Deporte ten capacidade de integración dos costumes culturais e sociais das rexións transfronteirizas e que é un medio privilexiado e eficaz de achegamento entre os pobos, facendo desaparecer barreiras ancestrais.
  • 09. Que constatamos a necesidade de eliminar as barreiras de toda índole que, aínda hoxe, obstaculizan a realización de actividades deportivas comúns.
  • 10. Por último, proclamamos que o papel do Deporte será un factor de gran significación nos proxectos de cooperación transfronteiriza que se desenvolven en Europa.